Benvid@s

Benvid@s a Kansendono, o blog do bibliotecario irreverente
Pouco recomendado para curas, banqueiros e demais especuladores

martes, 30 de abril de 2013

Prestige, hoxe e onte (leccións proveitosas á vista dun xuízo)

A Coruña acolle o xuízo pola catástrofe do Prestige, acontecida fai agora dez anos e varios meses cando o petroleiro cargado con 70.000 toneladas de fuel navegaba á deriva a 28 millas do Cabo Fisterra. Era o 13 de novembro de 2002 e seis días despois, tras un rumbo errático e absurdo, o buque partíase en dous afundendo a 133 millas das Illas Cíes e a unha profundidade de 3.500 metros.


JPEG - 16.3 KB

  
O banquiño dos acusados senta a tres protagonistas daquel horror en forma de chapapote: Apostolos Mangouras, capitán do Prestige no momento do accidente; Nikolaos Argyropoulos, xefe de máquinas do buque; e, por último, José Luis López Sors, entón director xeral de Mariña Mercante. Para cada un deles a fiscalía solicitará 18 anos de cárcere no xuízo que rematará o vindeiro 29 de maio. Son todos os que están, mais non están todos (nin moito menos) os que eran.
O salientábel das sesións orais é comprobar as opinións dos expertos en materia de catástrofes mariñas, dos coñecedores de salvamento marítimo e dos capitáns de mariña mercante citados a declarar como testemuñas no xuízo. Todos, agás o experto Michel Girin (o mesmo que redactou o limiar do libro-panfleto Tierra de titanes: Prestige, la verdad a flote, escrito por Caetano Díaz, Luis Pousa e Carlos Luis Rodríguez), coinciden en resaltar que enviar o buque ao quinto pino, sen rumbo fixo e naquel estado agónico foi un erro de tráxicas consecuencias. Un erro que foi aderezado por unha e mil mentiras dos responsábeis políticos da época. Uns responsábeis que, aínda hoxe, manteñen cargos destacados na Administración do Estado. Mais, velaí as opinións dos expertos e as súas declaracións nas sesións do xuízo.
O inxeñeiro naval, funcionario do Ministerio de Fomento xubilado e exinspector-xefe do porto de A Coruña Fernando Balbás cualificou de "desastrosa a xestión da crise" do Prestige por parte do goberno de José María Aznar. Os superiores de Balbás en Fomento descoñecían, por exemplo, que era o módulo de resistencia do buque e incluso chegaron a confundir meridianos con paralelos, mostrando unha nula capacidade técnica e profesional.
Tony Bowman tamén é enxeñeiro naval e incidiu na presencia dunha "onda excepcional" como causa do accidente do Prestige e o seu posterior afundimento. Defendeu a tese de que o barco debeu ser levado ao abrigo dun porto refuxio pois, tras o incidente inicial, mantiña unha resistencia estrutural que roldaba o 80%.
Ricard Mari Segarra, catedrático da Facultade de Naútica na Universidade de Barcelona e capitán de Mariña Mercante, subliñou o grande erro que representou alonxar o petroleiro ferido en alta mnar e sen rumbo determinado. As autoridades, en suma, converteron un sinistro de difícil solución nunha enorme catástrofe pois a xestión do accidente fixose dende os despachos políticos.
Con 43 anos de experiencia en salvamento marítimo, o perito Klaas J. Reigniger cualificou de "imcomprensíbel" a decisión das autoridades españolas de levar o Prestige cara alta mar. Tamén citicou a negativa desas mesmas autoridades para inspeccionar o buque nos primeiros momentos do accidente. Ademais, conducir o petroleiro rumbo noroeste foi "pedir a berros a creación de problemas maiores". Nas súas catro décadas como experto en catástrofes mariñas nunca encontrou unha xestión tan caótica como a levada co Prestige.
Dous peritos, Francisco Javier Salgado e José Dodero, manteñen a mesma liña antes expresada: alonxar o buque foi "unha decisión errónea e inxustificada". Ademais, Dodero subliñou que o día 14 de novembro "o buque era salvábel" e defendeu a Ría de Ares como a mellor zona de refuxio por estar protexida dos ventos do sur e suroeste.
Felipe Louzán é capitán da Mariña Mercante e profesor na Universidade da Coruña. Sinala a Corcubión como o sitio onde buque e carga "se houberan salvado con toda seguridade", pois a súa entrada e calado así o permitirían. Non facelo representou "o inicio do erro na xestión de toda a crise".
Tres docentes da Escola Superior de Mariña Civil da Coruña, Francisco Pita, Vicente Beceiro e José María Martínez Mayán, coinciden no feito de que o realmente dañino foi alonxar "a ningunha parte" o petroleiro. Para eles, Corcubión era o destino idóneo.
    
Resulta doado falar dos feitos pasados, especialmente se este Bibliotecario Irreverente só coñece o mar cando acude a pasear, mergullarse a dous metros de distancia da liña da area ou remar no bote de plástico do seu sobriño de sete anos. Mais, resulta obvio que a xestión da maior catástrofe ecolóxica da historia do Estado español estivo ateigada de ineptitud, ignorancia, improvisación e desleixo cara un feito alarmante. Si, desleixo houbo, e moito. Non só nas tomas de decisión. Tamén cara ás preguntas que comezaban a xurdir entre a poboación. Desleixo houbo nos tratamentos informativos de prensa e televisión. Desleixo houbo abondo contra os que pacificamente nos manifestabamos unha e outra vez reclamando respostas claras e non mentiras. Desleixo hipócrita e desmedido contra os voluntarios da marea branca que acudiron a limpar as zonas devastadas e desleixo contra os mariñeiros que loitaron sen medios contra o chapapote. Desleixo das autoridades superadas pola situación que, aferrados ao poder, entenderon que trataban con pailáns adormecidos, con zombis, aos que non tiñan que dar explicacións de ninguhna clase. Batasunos foron chamados os integrantes de Nunca Máis, nun exercicio lamentábel, cínico e antidemocrático. Desleixo cando, aínda hoxe, López Sors defende no lugar que o xulga que a decisión de alonxar o Prestige foi "a máis útil, a máis convinte e a mellor desde o punto de vista da defensa da costa".
O 17 de novembro de 2002, dous días antes de que o Prestige se partira en dous metades, o entón presidente da Xunta, Fraga Iribarne, e dous conselleiros, Carlos del Álamo (Medio Ambiente) e Xosé Cuíña (Obras Públicas) acudiron a Madrid a disfrutar e relaxarse nunha cacería, alleos ao que ocorría cunha irresponsabilidade xamais vista. Tal foi o desleixo. Mentres o propio López Sors declaraba aquel día: "Non se pode falar de marea negra, son manchas negras e dispersas". Na seguinte entrada, repasaremos as actuacións estelares daqueles responsábeis ineptos, estúpidos e chulescos. E tras o narrado ides alucinar.





No hay comentarios:

Publicar un comentario