Benvid@s

Benvid@s a Kansendono, o blog do bibliotecario irreverente
Pouco recomendado para curas, banqueiros e demais especuladores

jueves, 4 de abril de 2013

OS BIBLIOTECARIOS DA REPÚBLICA EN 1939: COLABORACIONISMO, DEPURACIÓN FRANQUISTA E CASTIGOS EXEMPLARES




1. Introdución
O 26 de xullo de 1935, apenas un ano antes de iniciarse a sublevación contra o réxime republicano que conduciría o país á guerra, Marcelino Domingo publicou un breve artigo en El Mercantil Valenciano baixo o título “Ha de convertirse España en una escuela”1 no que, entre outras cuestións, manifestaba como recibira a denominada Memoria correspondiente al año 1934 de la Junta de Intercambio y Adquisición de libros para Bibliotecas Públicas, organismo creado por el mesmo en novembro de 1931 cando ocupaba a máxima responsabilidade no Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes do Goberno Provisional da Segunda República. No referido escrito, Domingo sinalou:
Era preciso sembrar España de bibliotecas. El ideal era éste: que no hubiera pueblo sin escuela; que no hubiera escuela sin biblioteca. La escuela, cumpliendo su función social, y esta función social continuada por la biblioteca. La escuela enseñando a leer; la biblioteca facilitando los medios de lectura. La escuela, despertando el amor a los libros; la biblioteca, recogiendo y ofreciendo los libros amados. La escuela, siendo la biblioteca de los niños; la biblioteca, siendo la escuela de los hombres. La escuela, abriendo el camino de la cultura; la biblioteca, siendo el camino permanente (…). La República situó la escuela en primer plano y la biblioteca en el mismo plano que la escuela”.

O parágrafo citado agocha cuestións que van moito máis alá dunha mera declaración de intencións e, dende logo, non se detén en simple retórica. Tanto Domingo como o seu sucesor no Ministerio, Fernando de los Ríos, coincidían na necesidade de paliar o secular analfabetismo que padecía o Estado español e que, segundo o Censo de 1930, alcanzaba ao 40% da poboación do país, incrementándose até o 48% entre o colectivo de mulleres que vivían na contorna rural. Para eles –ao igual que para persoeiros da altura intelectual de Manuel Bartolomé Cossío, Antonio Zozaya, Luis Bello, Ángel Llorca, os irmáns Barnés e tantos outros– resultaba fundamental desbaratar e eliminar os atrancos que impedían o acceso libre e en igualdade de condicións á instrución, o ensino e á cultura xeral. En definitiva, xogábanse algo tan primordial como era asentar solidamente o réxime republicano e o seu sistema democrático.

2. A Segunda República e o seu paralelismo escola-biblioteca
Lonxe de obxectivos propagandísticos, aquelas autoridades saídas das eleccións municipais do 12 de abril de 1931 –que ao final manifestaron o cambio cara á República– entenderon como un factor básico na acción de goberno concretar aquela “semente de bibliotecas” da que falaba Marcelino Domingo: fomentar bibliotecas e multiplicar o número de escolas, mellorando a formación dos seus docentes e elevando as súas retribucións, levaría de xeito indiscutíbel a unha socialización da lectura que redundaría na eliminación paulatina da carencia de instrución. Unha falta de instrución que – non debemos esquecer– facilitaba a submisión propiciando que os dereitos básicos se manifestaran como quimeras inalcanzábeis. A ignorancia e a súa manifestación, o analfabetismo, foron dende sempre os mecanismos que esencialmente coadxuvaban na servidume social impedindo alcanzar o status de cidadanía, algo que chocaba cos principios e valores republicanos.
Mestras e estudantes durante a Segunda República
Así, Rodolfo Llopis aludirá ao feito evidente de que só as grandes cidades –onde o acceso á educación era, en teoría, máis factíbel– eran e poderían considerarse republicanas cando Alfonso XIII abandonou o país. Non así as pequenas vilas, ancoradas na tradición que habería que conquistalas para a República2. Para iso, xunto a creación de varios milleiros de novas escolas correu en paralelo un inxente esforzo por achegar a lectura a todos os recunchos do país. Así, sabemos que o Padroado das Misións Pedagóxicas creou dende o seu nacemento, en maio de 1931, e até 1936 algo máis de 5.500 bibliotecas no rural español, instalándoas nas escolas, onde o mestre xugou un rol de suma importancia3. Pola súa parte, a Xunta de Intercambio e Adquisición de libros para Bibliotecas Públicas modernizou os fondos bibliográficos existentes naqueles centros de lectura que, sobrecargados de libros de teoloxía, historia relixiosa, haxiografías de santos e interpretacións da Biblia, presentaban profundas lagoas no que se refire a literatura, ciencias e historia.
Atraer e suxeitar o interese dos lectores, convertendo as bibliotecas en centros de estudo e progreso científico, é dicir, eficaces instrumentos de cultura social: estes foron os obxectivos das autoridades republicanas. Por iso, “es imposible entender lo que significó la Segunda República española y los motivos por los que la combatieron los sublevados de 1936, si pasamos por alto diferencias tan fundamentales como esta: la República construyó escuelas, creó bibliotecas y formó maestros; el régimen del 18 de julio se dedicó desde el primer momento a cerrar escuelas, quemar libros y asesinar maestros”4.
O paralelismo aludido entre escola e biblioteca non foi senón o froito da democratización da sociedade xurdida na primavera de 1931. O cambio nas estruturas socio-económicas do Estado (propiciado cando menos até novembro de 1933) obrigou a establecer un proxecto radicalmente distinto do vixente naqueles momentos. Nel, a biblioteca xogou un rol de primeira liña ao converterse no soporte e a lanzadeira de escolas e mestres. E, como xa apuntou unha autora, até a chegada da República “nunca antes ningún gobierno tuvo tanta sensibilidad y preocupación por las cuestiones educativas y culturales en España”5.
A política bibliotecaria da Segunda República tomou como propia a cultura de masas, revitalizouna a través dunha concatenación de leis e decretos e, como remate, afondou no final daquela “irritante desigualdad de oportunidades ante la educación y la cultura”6. O resultado último materializouse nun fenómeno –a lectura socializada– froito dun esforzo onde o libro situouse como o expoñente do cambio na sociedade española. Esta respondeu amosando unha actitude positiva cara o libro e a lectura. Esa resposta social ante a oferta de acceso á instrución non foi senón o reflexo dos novos camiños iniciados dende o 14 de abril, xa no terreo político como no cultural. O libro converteuse, deste xeito, nunha ferramenta de progreso e xustiza social.

3. O Corpo Facultativo de Bibliotecarios no espello da tensión social de 1936
Xunto ás autoridades republicanas, as súas escolas e os seus mestres, os avances subliñados anteriormente tiveron como protagonistas a moitos dos integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA)7. O último censo da institución durante os anos republicanos foi totalizado o 31 de outubro de 1935 e alí atopamos a 294 funcionarios traballando nos algo máis de douscentos centros espallados por todo o Estado español: arquivos xerais, rexionais, xudiciais, de Facenda, ministeriais...; bibliotecas universitarias, públicas, especiais e populares; e, por último, museos arqueolóxicos. Todo un organigrama onde se acumulaba a sabedoría e a cultura do país e que quedaba coroado polo Arquivo Histórico Nacional, a Biblioteca Nacional e o Museo Arqueolóxico Nacional, os tres radicados en Madrid.
Existe hoxe un consenso xeneralizado cando se afirma que aqueles case trescentos facultativos sementaron unha das páxinas máis brillantes de todas as escritas polo CFABA8. Daqueles funcionarios, ao redor de setenta ingresaron na institución durante os anos que sobreviviu a Segunda República. Alcanzaron a súa meta por oposición. Moitos naceran na primeira década do século XX, practicamente todos posuían a licenciatura de Filosofía e Letras e un bo número deles foron bolseiros no estranxeiro grazas as axudas da Xunta de Ampliación de Estudos, engadindo un plus nos seus coñecementos de linguas e culturas foráneas. Conformaban unha xeración de persoas novas e vitalistas, cheas de entusiasmo, moi ben formadas académica e profesionalmente. Ademais, moitos daqueles sentíronse identificados cos proxectos renovadores nacidos co réxime republicano: pensaban que chegara o momento de superar aquelas vellas bibliotecas eruditas e discriminatorias; confiaban en achegar os libros á meirande parte da poboación para así colocar ao Estado español no lugar que, crían, lle correspondía; estaban convencidos, en definitiva, de que o lector estaba por encima do libro.
En boa lóxica, esta nova xeración de arquiveiros e bibliotecarios –situados na liña da Institución Libre de Ensino, a Residencia de Estudantes e o Centro de Estudos Históricos– chocou irremediabelmente contra as vellas elites do Corpo Facultativo, funcionarios nacidos entre as décadas 60 e 80 do século XIX que ocupaban os postos máis altos da escala. Na práctica, conformaban a metade de todos os integrantes da institución e a maioría superaran as súas oposicións antes de 1915. Incluso en 1935 aínda estaban en activo funcionarios da promoción de 1893. En xeral, estes facultativos mantiveron posicións ideolóxicas conservadoras, foron hostís e remisos ás innovacións amosando como prioridade a conservación en detrimento da difusión, pensaron máis no libro que no lector e, en definitiva, non viron con bos ollos a chegada do réxime republicano. Por iso, non pode estrañar que xurdiran tensións entre os integrantes do CFABA. Tensións que, por outro lado, reflectían o mesmo clima instalado na sociedade civil e que derivou nun golpe de Estado errado e no inicio dunha guerra civil.
Cando finalice a contenda, todos os funcionarios que integraban o CFABA foron exhaustivamente investigados e moitos pagarán moi caro o seu pasado republicano. Non só as últimas promocións antes aludidas e máis comprometidas serán vítimas do proceso depurador. Funcionarios como Clemente Calvo Iriarte (que ingresara en 1907), Tomás Navarro Tomás (facultativo dende 1909), Domingo Julio Gómez García (1911), Félix Durán Cañameras (1913), Ramón Gil Miquel, José Aniceto Tudela de la Orden, Nicéforo Cocho Fernández, Justo García Soriano (todos da promoción de 1915), Luisa Cuesta Gutiérrez, José Moreno Villa, Samuel Ventura Solsona, José Martía Giner Pantoja o Francisco Rocher Jordá (funcionarios dende 1921) serán castigados en diversos graos e con diferentes sancións. En realidade, a nómina dos depurados resultou ser moito máis ampla.

4. A depuración franquista e os seus efectos no CFABA
Nada máis iniciarse a sublevación contra o réxime constitucional, todos os funcionarios públicos foron cesados independentemente de atoparse na zona republicana ou na sediciosa. Nos lugares que se mantiveron fieis á República as autoridades redactaron expedientes que buscaban garantir a lealdade dos seus empregados públicos. Polo que respecta aos facultativos do CFABA9, eses expedientes nunca foron destruídos e ao remate da guerra proporcionarán abundante información ás novas autoridades franquistas.
A medida que o avance rebelde semellaba decisivo e cando a derrota do Exército republicano planeaba sobre o horizonte, as autoridades radicadas en Burgos comezaron a elaborar unha estratexia en materia de arquivos e bibliotecas. Alí onde a sublevación triunfou con prontitude – Illas Canarias, Galiza, Huelva, Sevilla, Cádiz, Granada, Cáceres, Álava, Logroño, Navarra, Castela-León, oeste de Aragón...– a purga de funcionarios constituíu o paso previo para a creación do futuro sistema bibliotecario e arquivístico. Mais, aquilo foi só o comezo.
A piques de finalizar a guerra, o xeneral Franco asinou a chamada Lei de 10 de febreiro de 1939 fixando Normas para a Depuración de Funcionarios Públicos10, a canle legal que garantirá o funcionamento da nova Administración nacional-católica e que pretendía erradicar da función pública todo aquilo que soara a República, democracia, pluralidade, laicismo, masonería, liberalismo, etc. Conformada por trece artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais, toda a lei xiraba en torno á investigación da conduta seguida polos funcionarios en relación co chamado Movemento Nacional, caracterizándose pola súa universalidade e pertinacia, premiando a delación entre compañeiros de profesión, actuando cunha absoluta impunidade e arbitrariedade e, por suposto, nunha total indefensión dos acusados que, previamente considerados culpábeis, tiñan que demostrar a súa “inocencia” en medio dunha carencia total de garantías legais.
Para dar cumprimento a Lei de 10 de febreiro, o Ministerio de Educación Nacional deu coñecer o 30 de xuño de 1939 a primeira tríada depuradora do CFABA. Os elixidos foron Miguel Artigas, que fora nomeado director da Biblioteca Nacional por un Real Decreto de 24 de xullo de 1930; Miguel Gómez del Campillo, director do Arquivo Histórico Nacional segundo o Real Decreto de 19 de setembro de 1930; e, por último, Blas Taracena Aguirre, que ocupaba a xefatura do Museo Celtibérico de Soria e será recompensado coa dirección do Museo Arqueolóxico Nacional. Non eran uns descoñecidos para o resto dos seus compañeiros: Artigas e Gómez del Campillo ocupaban en 1935 os postos primeiro e terceiro, respectivamente, na escala do Corpo Facultativo.
A misión encomendada aos tres xuíces-instrutores foi “investigar la conducta de los funcionarios que se hallaban en los territorios últimamente liberados”, é dicir: Albacete, Madrid, Barcelona, Valencia, Cidade Real, Alcalá de Henares, Guadalaxara, Orihuela, Cuenca, Murcia, Alacante, Almería, Menorca... Para iso, fóronlles outorgadas as facultades e atribucións emanadas dos artigos cuarto e quinto da citada Lei de 10 de febreiro.
En realidade, a cuestión era dilucidar o máis axiña posíbel os nomes daqueles que xeraban máis confianza e ao mesmo tempo non se significaran politicamente durante os gobernos republicanos. A velocidade coa que traballaron os tres xuíces-instrutores buscaba tamén cubrir os postos vacantes para, ademais, gañar novos delatores e testemuñas. Así, dez días despois dos seus nomeamentos, o 10 de xullo, Artigas, Gómez del Campillo e Taracena elevaron ao Ministerio a relación de preto de cen facultativos libres de toda sospeita. O día 20, o xefe dos Servizos de Arquivos e Bibliotecas, Alfonso García Valdecasas, asinaba a resolución segundo a cal noventa e un funcionarios continuaban “adscritos con carácter provisional en su actual destino, sin perjuicio del expediente de depuración”.
Quen eran aqueles facultativos libres de toda sospeita? Por norma xeral, aquel terzo de funcionarios que viviu case toda a contenda en terrotorio republicano mantivo un carácter apolítico, foron actores pasivos durante a Guerra Civil e o feito de que apareceran militando dende febreiro de 1937 no Sindicato de Traballadores de Arquivos, Bibliotecas e Museos (STABYM, ligado á UGT) ou integrados dentro do Sindicato Único de Técnicos (anarcosindicalista) foi considerado papel mollado polas autoridades franquistas, sabedoras da obrigatoriedade de aquelas afiliacións nos lugares controlados pola legalidade republicana.
Porén, houbo outros moitos que si militaron en agrupacións conservadoras, tradicionalistas ou monárquicas antes e durante a Segunda República (a Unión Patriótica do xeneral Primo de Rivera, Renovación Española, FE de las JONS, Comunión Tradicionalista, Asociación de Mestres Católicos, Tercios de Requetés, Academia Científico-Literaria da Xuventude Católica, Acción Popular...). Tamén coñecemos polas súas declaracións xuradas que incluso bastantes deles ingresaron durante a guerra na chamada Quinta Columna, aquela que dende dentro das cidades republicanas colaboraba cos sublevados a xeito de boicoteadores, derrotistas, espías e mesmo como francotiradores. Casos ben soados de quintacolumnistas foron os de José María Ibarra, que traballaba na Biblioteca Universitaria de Valencia, ou o de Elena Amat, bibliotecaria da Escola de Arquitectura de Madrid.
Xa finalizada a Guerra Civil, o 13 de xuño de 1939, en Vitoria, saían a luz as primeiras disposicións depuradoras contra integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Aquel día, o ministro de Xustiza e –transitoriamente– de Educación Nacional, Tomás Domínguez Arévalo, Conde de Rodezno, asinaba a Orde pola que “causan baja definitiva en el Escalafón del Cuerpo Facultativo” seis funcionarios ben coñecidos, todos eles xa no exilio: Tomás Navarro Tomás, Ignacio Mantecón Navasal, Andrés Herrera Rodríguez, Teresa Andrés Zamora, Fernando Soldevilla Suribiru e Juan Vicens de la Llave11. Pasou pouco máis dun mes cando unha segunda Orde, esta do 22 de xullo, colocaba en idéntico destino aos facultativos José Moreno Villa, José María Giner Pantoja, Concepción Muedra Benedito, as irmás Luisa e Ernestina González Rodríguez, María Victoria González Mateos, Josefa Callao Mínguez, Concepción Zulueta Cebrián e, por último, o compostelán Ramón Iglesia Parga.
Todos eles foran destacados funcionarios dun elevado prestixio profesional, intelectuais comprometidos co proxecto reformador da Segunda República –razón que os levou ao exilio– e para os ollos das novas autoridades franquistas uns indesexábeis que non tiñan cabida no organigrama da función pública da Nova España. Non serían, nin moito menos, os únicos sancionados.

5. A segunda gran depuración: Gómez del Campillo, xuíz-instrutor único
Tras a saída de Pedro Sainz Rodríguez do Ministerio de Educación Nacional, en abril de 1939, o seu posto foi ocupado tempo despois por un destacado membro da Asociación Católica Nacional de Propagandistas: José Ibáñez Martín. Nacido en Valbona (Teruel) en1896, Ibáñez Martín amosouse até 1942 como un xenuíno admirador do réxime nazi e da doutrina hitleriana, tal e como o demostra a súa Lei de Ordenación Universitaria, “cuyo corte fascista es inequívoco”12. A partir daquel ano, Ibáñez Martín moderou o seu discurso falanxista e converteuse nun dos máis destacados representantes da chamada “familia católica”, é dicir, Acción Española, a propia ACNP e o Opus Dei. Para eles, o turolense abriu as portas das cátedras universitarias así como tamén o Centro Superior de Investigacións Científicas, organismo fundado polo propio Ibáñez Martín.
Respecto dos arquivos e bibliotecas, o novo ministro asinou a Lei de 25 de agosto de 193913 pola que nacía a Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas, entidade encargada da xestión e administración das seccións de Arquivos e Bibliotecas dentro do CFABA. Será esta Dirección Xeral a máxima responsábel dos seus funcionarios e, tamén, o órgano represivo no interior do Corpo Facultativo.
O 7 de setembro, Ibáñez Martín nomeou ao xa coñecido Miguel Artigas xefe da Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas, quen meses antes aconsellara a conveniencia dun único xuíz-instrutor encargado de redactar os expedientes de depuración para todos os funcionarios do CFABA, propoñendo as sancións que considerase oportunas. O elixido foi Miguel Gómez del Campillo que, en realidade, levaba desempeñando aquela función dende finais de xullo de 1939.
Gómez del Campillo (Madrid, 1875-1962) foi un latinista sobresaínte e un excepcional paleógrafo que ingresara no CFABA o primeiro día de xullo de 1899. Como sinalaramos anteriormente, foi designado director do Arquivo Histórico Nacional por un Real Decreto de 19 de setembro de 1930, cando agonizaba a ditadura primorriverista, e será xustamente nas instalacións do AHN, no madrileño Paseo de Recoletos –coa vitoria franquista rebautizado de Calvo Sotelo– onde establecerá a sede do tribunal que, como sabemos, el mesmo encargouse de presidir.
Miguel Gómez del Campillo
En efecto, o 24 de xullo de 1939 o arquiveiro Gómez del Campillo foi nomeado xuíz-instrutor único para investigar as actividades dos integrantes do CFABA de acordo co preceptuado no artigo sexto da Lei de 10 de febreiro. Segundo o citado artigo, o elixido quedaba facultado para tramitar os expedientes de depuración para todos e cada un dos funcionarios encadrados no Corpo Facultativo así como tamén para aqueles integrantes do Corpo Auxiliar (creado en 1932) e o resto do persoal afecto á profesión, é dicir, fotógrafos, encadernadores, restauradores... Quedarían fóra da súa xurisdición o subalternos e persoal administrativo que traballaban nas instalacións pertencentes ao CFABA.
A actividade despregada por Gómez del Campillo entre xullo de 1939 e marzo de 1942 resultou frenética. Redactou centos de oficios recabando informes sobre os seus compañeiros de profesión, informacións que xiraban en torno ao concepto moral, político, social e relixioso do investigado. Para iso, non dubidou en comunicar cos xefes locais de Falange Española, cos alcaldes das localidades onde residía o funcionario e, por suposto, cos responsábeis dos arquivos ou bibliotecas onde traballaba o facultativo, chamando ao mesmo tempo a outros compañeiros de profesión a declarar e invitandoos á delación.
Gómez del Campillo acudiu, como non podería ser doutro xeito, aos reitores das universidades e aos decanos das facultades, así como aos integrantes das Oficinas Técnicas de Depuración do Ministerio de Educación Nacional, coa finalidade de confrontar datos e cruzar informacións. Por suposto, non deixou de preguntar aos auditores xenerais do Exército de ocupación e aos membros do Servizo de Información e Policía Militar (o SIMP, a espionaxe franquista). Tamén acudiu con reiteración a Marcelino de Ulibarri, xefe dos servizos especiais da Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos14, radicada en Salamanca.
Coa información recollida e se o investigado era merecedor da apertura dun expediente de depuración, o xuíz-instrutor solicitou propostas de suspensións cautelares no exercicio dos seus cargos para un bo número de funcionarios, ao tempo que “quedaban sujetos al 50% de su haber mensual”. Deste xeito, o investigado quedaba afogado economicamente malia que non fora sancionado dun modo definitivo. Este foi, por exemplo, o caso de Justo García Soriano, pai de dez fillos, a quen se lle retivo a metade dos seus honorarios a finais de 1939. Máis tarde, será condenado a doce anos de prisión acusado de pertencer á masonería.
O primeiro oficio de Gómez del Campillo foi redactado o día 1 de agosto de 1939 e ía dirixido ao seu superior, Miguel Artigas. Na súa comunicación, o xuíz-instrutor ordenaba fixar nas paredes do Ministerio de Educación Nacional o aviso do seu nomeamento, solicitaba á Oficina de Prensa que se dera transmisión do mesmo a xornais de Madrid e provincias e, para finalizar, requiría dispor “de cuantos expedientes de depuración terminados provisionalmente o sin trámite”15 para que foran remitidos á sede do Arquivo Histórico Nacional.
A mecánica que presidiu as actividades de Gómez del Campillo e que quedaron plasmadas nos expedientes de depuración foi moi similar na meirande parte dos casos. Nun corpo de funcionarios tan reducido como era o CFABA non resultaba difícil coñecer como respiraban os seus integrantes: a orientación ideolóxica, a crenza relixiosa, a militancia partidista ou sindical e, incluso, o comportamento privado e familiar (cuestión fundamental na investigación cando se trataba de mulleres) foron factores determinantes nos procesos depurativos. Engadamos ao xa mencionado o feito das actividades despregadas en territorio republicano por aqueles facultativos que consideraron o golpe de Estado do 17 de xullo como un ataque ao réxime legal e que, ademais, colaboraron decididamente na salvagarda do patrimonio histórico e da riqueza bibliográfica. Por último, e como aconteceu en moitos casos, se xunto ao todo o citado aparecía o chamado “expediente rojo”16 e nel as autoridades republicanas cualificaban de “leal” ao funcionario, entón a sorte do investigado quedaba decidida e o círculo pechábase de xeito definitivo.
Finalizada a guerra, todos os funcionarios do CFABA se viron na obriga de presentar unha declaración xurada para poder reingresar na institución e, no caso de resultar sospeitosos, o xuíz-instrutor procedía a realizar as investigacións pertinentes que culminaban na redacción dun prego de cargos que debía ser contestado polo acusado nun prazo máximo de oito días, intentando rebater as acusacións que pesaban sobre a súa persoa. Ao remate, Gómez del Campillo elevaba ao director xeral de Arquivos e Bibliotecas as súas propostas de sanción que, tras ser aprobadas, pasaban ao ministro Ibáñez Martín para a súa definitiva aplicación.
María Brey, excepcional bibliotecaria galega depurada polo franquismo

Entre os primeiros, os sancionados, están as galegas María Brey Mariño e Teresa Vaamonde Valencia e o xa citado Ramón Iglesia Parga. Hai tamén unha longa nómina de castigados integrada por María Moliner, Luisa Cuesta, Nicéforo Cocho, Francisco Rocher, Consuelo Vaca, Samuel Ventura, Félix Durán, María Muñoz, Carmen Guerra, José Álvarez de Luna, Hortensia Lo Cascio, Carmen Pescador del Hoyo, José María de la Peña, Domingo Gómez, Asunción Martínez Bara, por citar uns poucos, ademais dos xa mencionados anteriormente que, exiliados, foron expulsados do CFABA. Os expedientes de depuración de cada un deles, agás en contados casos plasmados en monografías individuais, están aínda hoxe agardando ver a luz e así poder apreciar o grao de mesquindade imperante dende 1939.
O 26 de marzo de 1942, Miguel Gómez del Campillo redactaba o seu último oficio. Alí daba por finalizada a tarefa emprendida no verán de 1939. O xuíz-instrutor manifestaba ao seu superior xerárquico, Miguel Artigas:
Ilmo. Sr.:
Con este Oficio doy por terminadas mis tareas de Juez Instructor de los expedientes de depuración de los funcionarios del Cuerpo Facultativo y Auxiliar y sus anexos, realizadas si no a satisfacción de todos, al menos con absoluta tranquilidad de conciencia.
No he de ocultar que en algunos casos la voluntad ha tenido que imponerse fuertemente ante la sangre derramada con abundancia, las persecuciones sufridas, los sobresaltos y penalidades, la falta de compañerismo, para atemperar mi conducta y propuestas a la misericordiosa justicia que el Gobierno del Jefe del Estado, Generalísimo Franco (Dios le guarde), ha preconizado en la letra y el espíritu de muchas de sus disposiciones; habiendo tenido la fortuna de que mis propuestas hayan sido aceptadas en la gran mayoría de los casos, y si ello supone aprobación de lo actuado, será mi mayor satisfacción, que satisfará cumplidamente los naturales sinsabores y preocupaciones inevitables en misión tan enojosa.
Dios guarde a V.I. muchos años. Madrid, 26 de marzo de 1942. El Juez Instructor”17.
Catro días máis tarde, Gómez del Campillo recibía puntual resposta de Miguel Artigas. No oficio datado o 30 de marzo de 1942, o director xeral de Arquivos e Bibliotecas subliñaba:
Paso a paso hemos seguido su labor, siempre ilustrada, inteligente y laboriosa, encomiando en cada caso la finalidad del trabajo. El resumen de todos constituye para V.I. el realce más justificado de su prestigiosa figura en el Cuerpo de Archiveros, precisamente porque su penosa tarea de sacrificio y de responsabilidad ha realizado con eficaz y necesario conocimiento, tanto en el orden político-social como en su otro aspecto, también interesante, profesional y ético.
Las contadas excepciones de discrepancia entre la propuesta y la resolución a que V.I. alude, son fehaciente prueba del estudio hecho en los ausntos y justificación bastante de la distribución de responsabilidades y de su asignación por grados, que es la última y más pesada, la del fallo definitivo.
Cumple expresar a V.I. la gratitud por el empeño continuado y perseverante que ha puesto en este ingrato oficio de juzgar a compañeros y discípulos. Todos lo han de agradecer profundamente, incluso aquellos sancionados, que, si son despiertos, deben recibir el castigo, siempre benévolo, como laudable advertencia para su corrección.
En nombre del Cuerpo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos, al que me honro en pertenecer, en el mío propio, como Director General y en nombre también del Excmo. Sr. Ministro, envío a V.I. un afectuoso saludo de gracias (...)”18.

Efectivamente, foron moitos os sancionados nas filas do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos dende 1939. Mais, consideraron os castigos como unha “laudábel advertencia”?
Adiantemos que, en xeral, a meirande parte das propostas lanzadas por Gómez del Campillo foron admitidas e executadas. Nalgúns casos chegouse até a separación definitiva do servizo. Noutras moitas o castigo consistiu no traslado forzoso a provincias, pasando o bibliotecario a ocupar un lugar de segunda fila nun arquivo dunha delegación de Facenda, algo considerado “deshonroso” dentro do Corpo Facultativo. Este castigo representou moito máis que un simple desprazamento de residencia: o cambio obrigado dunha biblioteca a un arquivo de provincias foi un aviso a navegantes en forma de advertencia para que todos entenderan que aqueles desexos de propagar a lectura por todos os recunchos do país xa rematara. Colocar a un bibliotecario nun arquivo dunha delegación de Facenda, afastándoo dos centros de lectura e das súas ansias por socializar a lectura, colmaba nun dobre sentido as expectativas dos sublevados: castigaba ao investigado (republicano, esquerdista, masón...) e devolvía ás bibliotecas ao seu estado anterior a 1931 (elitistas, discriminatorias, eruditas...).
Porén, non debemos desdeñar que a sanción –por leve que resultase– deixaba marcados de por vida aos facultativos castigados. Ademais, debemos considerar o prexuízo económico que supoñía, por exemplo, a postergación durante un período de tempo que podería abarcar dun a cinco anos, pois con ela o funcionario ficaba paralizado dentro da escala sendo superado por aqueles que lle seguían e que, deste xeito, o adiantaban. Outra sanción moi recorrente consistiu en prohibir solicitar cargos de confianza, de mando ou vacantes en xeral.
A resultante final resultou devastadora. Varias ducias de membros do CFABA viron truncadas as súas carreiras persoais sen ter en conta a súa valía profesional. O prestixio acumulado tras moitos anos de estudo e traballo rigorosos serviu de ben pouco e as novas xeracións chegaron advertidas de que xa non era tempo nin había lugar para a innovación e o progreso. O aviso, materializado nos expedientes de depuración que eran coñecidos por todos, resultou moi efectivo e as seguintes promocións de arquiveiros e bibliotecarios quedaron ancoradas naqueles centros que retomaban a censura e a prohibición de centos de autores e títulos. O medo e o silencio triunfaron sen remisión e ducias de integrantes do CFABA pagaron moi caro a súa lealdade republicana e o seu convencemento de que a través da cultura conquistarían un Estado máis moderno e máis xusto. Outros optaron pola submisión e colaboraron abertamente coa delación contra os seus compañeiros de profesión.


NOTAS

*Este traballo é un resumo da comunicación titulada Víctimas por defender la cultura. La depuración franquista de los bibliotecarios y archiveros republicanos, presentada no I Congreso de Víctimas del Franquismo, celebrado en Rivas Vaciamadrid os días 20, 21 e 22 de abril de 2012.
1O artigo en cuestión sairá máis adiante recollido xunto a outros escritos de Marcelino Domingo na recompilación Homenaje a Marcelino Domingo, primer ministro de Instrucción Pública de la República Española, Madrid, 1936, pp. 24-27.
2LLOPIS, Rodolfo, La revolución en la escuela, dos años en la Dirección General de Primera Enseñanza, Madrid, 1933, p. 197.
3 SALABERRIA, Ramón, “Las bibliotecas de Misiones Pedagógicas: medio millón de libros a las aldeas más olvidadas”, en Las Misiones Pedagógicas, 1931-1937, Madrid, 2006, pp. 302-325.
4 FONTANA, Josep, “La caza del maestro”, en El País, 10 de agosto de 2006.
5 MARTÍNEZ RUS, Ana, La política del libro durante la Segunda República: socialización de la lectura, Gijón, 2003, p. 20.
6 GARCÍA EJARQUE, Luis, Historia de la lectura pública en España, Gijón, 2000, p. 183.
7 Para coñecer a historia do CFABA dende as súas orixes até a actualidade é fundamental: TORREBLANCA LÓPEZ, Agustín, El Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos, 1858-2008: historia burocrática de una institución sesquicentenaria, Madrid, 2009.
8 TORREBLANCA LÓPEZ, El Cuerpo Facultativo de Archiveros..., op. cit., p. 35.
9 Gaceta de la República, 21 de febreiro de 1937. Alí se recolle a nova escala do CFABA en territorio republicano onde aparecen expulsados da institución aqueles que decidiron presentarse ás autoridades franquistas en Burgos.
10 Boletín Oficial del Estado (BOE), 13 de febreiro de 1939.
11 BOE, 23 de xuño de 1939.
12 TUSSEL, Javier, Franco y los católicos: la política interior española entre 1945 y 1957, Madrid, 1984, p. 33.
13 BOE, 2 de setembro de 1939.
14O 29 de maio de 1937, Franco nomeou a Marcelino de Ulibarri Eguilaz xefe da Delegación dos Servizos Especiais. De Ulibarri, recoñecido carlista navarro, montou nunhas poucas semanas a chamada Oficina de Recuperación de Documentos coa finalidade de incautar e clasificar toda a documentación pertencente aos republicanos tras a caída de Euskadi. Máis tarde solicitou a fusión da súa organización coa Oficina de Investigación y Propaganda Antimarxista e, así, o 26 de abril de 1938 o ministro de Gobernación, Serrano Suñer, asinaba o decreto que daba nacemento á Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos, organismo que terá ao propio De Ulibarri como máximo responsábel. Entre os obxectivos da DERD figuraron a recolleita, almacenaxe e clasificación de toda a documentación pertencente a partidos, sindicatos e particulares considerados “desafectos” ao Movemento Nacional. En setembro de 1940, Marcelino de Ulibarri alcanzará a presidencia do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo.
15Archivo General de la Administración, Alcalá de Henares (AGA), Educación, 31/7083. Oficio, 1 de agosto de 1939.
16Esta foi a denominación dada polos franquistas aos expedientes redactados polas autoridades republicanas pouco tempo despois de comezar a guerra. A meirande parte daqueles informes non foron destruídos e serviron de valiosa fonte de información para os sublevados no momento de redactar os procesos de depuración.
17AGA. Educación, 31/7083.
18Ibidem.

No hay comentarios:

Publicar un comentario