Benvid@s

Benvid@s a Kansendono, o blog do bibliotecario irreverente
Pouco recomendado para curas, banqueiros e demais especuladores

miércoles, 10 de abril de 2013

Esmorece o proxecto Nomes e Voces?

Hai por volta duns quince días e dentro do marco da XXX edición da Semana Galega de Filosofía -celebrada en Pontevedra e organizada pola Aula Castelao de Filosofía-, Lourenzo Fernández Prieto alertaba da máis que posíbel desaparición do proxecto Nomes e Voces, http://www.nomesevoces.net/
A noticia pasou ben desapercibida, agás honrosas excepcións (velaí Sermos Galiza, 5 de abril de 2013) e, con todo, falamos dun feito dunha extraordinaria relevancia.
Nado ao abeiro daquel Ano da Memoria de 2006 grazas á colaboración da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, entón dirixida por Ánxela Bugallo, e as tres universidades galegas, o proxecto Nomes e Voces rastrexa a historia silenciada das vítimas da represión franquista no noso país, ao tempo que facilita a familiares e investigadores unha ferramenta fundamental para o achado e posterior seguimento dos represaliados, os lugares da ignominia e o rescate da memoria agochada.
Na súa base de datos, que na actualidade recibe unha media de 5.000 visitas mensuais, diferentes motores de busca permiten localizar os máis de 14.000 perseguidos polo franquismo en Galiza, ben sexa con búsquedas sinxelas (nomes, apelidos) ou ben con outras opcións como poden ser a veciñanza, a orixe, a profesión ou, se fora o caso, o ano da morte. Ademáis de 15.000 imaxes dixitalizadas, a lapela "Xeografía da represión (1936-1939)", cos lugares de  morte e enterramento, mostra o horror daqueles tres anos onde non houbo guerra nin frontes bélicas, unicamente exterminio, crimes e xenocidio. A historia oral en forma de case medio milleiro de entrevistas xunto a outras fontes (hemerográficas, bibliográficas...) pecha o círculo dunha das bases de datos sobre a represión franquista máis completas de todo o Estado español, permitindo o intercambio de documentación e información entre diferentes historiadores para o desenvolvemento de novos traballos de investigación.
Trátase, en definitiva, de pór ao servizo da sociedade galega os nomes dos represaliados, recoller as voces dos encarcerados e dos exiliados e sacar á luz os lugares onde as vítimas foron torturadas e asasinadas. Para que aqueles feitos non se repitan e no convecemento de que o pobo que ignora o seu pasado é unha colectividade zombi, sen futuro, quebradiza, submisa e propensa ao engano, a mentira.
Pois ben, semella que a falta de apoios institucionais levarán ao feche o proxecto. Non debe sorprender: os actuais responsábeis do noso goberno non poden soster algo que non condenan. Xa que logo, ían manter ou promocionar o estudo da represión se antes nunca condenaron o franquismo? Poderían os herdeiros daquel réxime criminal volverse contra os seus mentores, contra os que deixaron todo atado e ben atado proporcionándolles os seus discípulos unha posición privilexiada que manteña incólume as mesmas estruturas de poder da ditadura? Abofé que non.
Mais, non debemos esquecer que, xunto o expresado, falamos de investigación (histórica) e de ciencia (histórica). E convén lembrar, polo tanto, a Maximilien Robespierre: "O segredo da liberdade radica en educar ás persoas, mentres que o segredo da tiranía está en mantelas ignorantes". O proxecto Nomes e Voces esmorece, si. E deberiamos evitalo. Polo ben de todos. Polos nomes, as voces e os lugares.


No hay comentarios:

Publicar un comentario