Benvid@s

Benvid@s a Kansendono, o blog do bibliotecario irreverente
Pouco recomendado para curas, banqueiros e demais especuladores

martes, 30 de abril de 2013

Prestige, hoxe e onte (botando unha ollada á hemeroteca)

Na anterior entrada falabamos das sesións do xuízo derivado polo afundimento do Prestige que se están a celebrar en A Coruña e de como as intervencións dos expertos en salvamento marítimo, dos coñecedores en prevención e tratamento de catástrofes mariñas así como de capitáns de mariña mercante e outros peritos chamados a declarar, están deixando en moi mal lugar a aqueles responsábeis políticos que gobernaban no momento da traxedia do petroleiro.
Convén, de seguido, facer memoria, lembrar as súas declaracións e coñecer onde están agora toda aquela banda de ineptos que permitiron coa súa desidia e incompetencia que as costas galegas (e non só elas) quedaran ennegrecidas polo chapapote do barco afundido.
Non hai que desbotar o sentido do humor. Xa moito se padeceu naquelas xornadas de loito e desesperación. Con todo, este Bibliotecario Irreverente informa que as frases dos dirixentes do PP (estatal e nacional) agora vertidas poden ferir a sensibilidade do lector. Frases e comentarios que, podo asegurar, foron extraídas da hemeroteca. Non hai, xa que logo, ficción nin artes imaxinativas. Todo o que leeredes está absolutamente documentado, malia que semelle incríbel. Calquera pode comprobalo acudindo aos xornais da época. Porén, nada debe sorprender pois moitos daqueles irresponsábeis seguen a manter cargos dirixentes, algúns moi elevados e de suma importancia: velaí a Mr. (léase "Míster", non "Mariano") Rajoy.
As declaracións que aquí aparecen foron respectadas no seu orixinal: son máis simpáticas así e, ademais, a súa tradución podería ser interpretada como unha tentativa para influir no lector. Ningunha das figuras que a continuación se presentan foron obxecto de investigación xudicial e nin tan siquera abandonaron avergoñados os seus postos na Administración do Estado. De feito, moitos foron recompensados, continuaron exercendo o seu labor ao fronte do Goberno e incluso gozaron do respaldo das urnas en sucesivas convocatorias electorais. Isto leva a concluír que a manida frase escoitada en moitas manifestacións, aínda hoxe, e que todos coñecen ("A culpa de quen é? Dos que votan ao PP") está máis que xustificada.
Ben, entremos de cheo na diversión. Imos rir cos fenómenos que aparecen de seguido. A orde da secuencia é cronolóxica e entre aspas veredes a frase xenial e literal pronunciada por cada quen no seu glorioso día. Coidado coas indixestións!

14 de novembro de 2002, un día despois do SOS lanzado polo Prestige.
O Delegado do Goberno en Galiza, Arsenio Fernández de Mesa, afirma: "Probablemente, el fuel no toque la costa gallega". Dende logo, dotes adivinatorias non tiña o delegado e deputado nas Cortes de Madrid que, hoxe, polo óptimo labor despregado ocupa a máxima responsabilidade do Corpo Nacional de Policía. (Deus nos asista!). O mesmo Fernández de Mesa rematará a faena o 21 de novembro dicindo: "Hay una cifra clara, y es que la cantidad que se ha vertido no se sabe". Demóstenes con gomina.

16 de novembro.
O ministro que traga iogures caducados, Miguel Arias Cañete, era o responsábel do Ministerio de Pesca. Aquel día subliñou: "Afortunadamente, la rápida intervención de las autoridades españolas alejando el barco de las costas, hace que no tengamos una catástrofe ecológica (...) ni prevemos grandes problemas en las aguas españolas ni en los recursos pesqueros". Olé. Se o alonxamento do barco da costa evitou a catástrofe ecolóxica, que foi o que a produxo? Como premio a tan encomiábel traballo, na actualidade Arias ocupa o mesmo posto na Administración do Estado: ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación. Coidado, pois, cos vosos xantares...

19 de novembro.
Mariano Rajoy colle o touro polos cornos. Non citaremos a xa sabida frase dos hilillos de plastilina en ascensión vertical, mais si diremos que aquel día Rajoy sentenciou: "Las cosas han salido razonablemente bien". Mariano, Mariano, sempre coas súas frases sinsentido, o home que fala e fala e nunca di nada, sempre alleo á realidade que o rodea, sempre agardando non se sabe moi ben que cousa... Hoxe goberna no Estado español mais só fala a través do plasma dunha televisión e non admite preguntas. Así é o seu sentido da democracia. Mariano non calaba daquela e así, o 23 de novembro, subliñou: "No puede hablarse de una marea negra sino de una situación compleja". A mesma consigna dada aos redactores e xornalistas da TVG, lembrades?

24 de novembro.
Loyola de Palacio, irmá de Ana, era entón comisaria de Transportes da Unión Europea. Na súa tentativa de informar ás autoridades europeas sobre os acontecementos que se viñan sucedendo nas costas galegas, non dubidou cando dixo: "La labor del Ejecutivo de Aznar ha evitado lo peor". Pois menos mal, porque de non ser certo as palabras de Loyola o chapapote chega ata O Cebreiro...

25 de novembro.
O conselleiro de Pesca da Xunta, Henrique López Veiga, tranquilizou á poboación aquel día cando, seguro de si mesmo, informou do seguinte xeito: "Se non alonxamos o buque mar adentro a mancha xa estaría na costa". Moi en liña coa cita anterior, é de subliñar a capacidade previsora desta xentiña así como resaltar o optimismo inherente as súas declaracións. O único problema foi o da miopía...

28 de novembro.
E ali estaba el, agardando para non meter o zoco. O seu temperamento reflexivo e a súa prudencia innata aconsellaban non botar as campás ao voo. José María Aznar, ávido de gloria (como demostrou nas Azores) e presidente do Goberno agardou quince días dende o inicio da desfeita para apaciguar os ánimos dunha xente que comezaba a quentarse día si e día tamén. Aquel 28 de novembro, o home que fala inglés e catalán dirixiuse á plebe nun perfecto castelán e bramou: "Creo que hay alarmismos muy poco justificados". En efecto, a alarma xa saltara, pero nos responsábeis do momento os xordos e cegos eran maioría. Nin quixeron ver nin escoitar. Nada pasará, pensaron, mais ocorreu; e foi doloroso.

1 de decembro.
Podería faltar nesta escolma o exministro de Franco, o león de Vilalba, o xenio do dominó, o choromicas de puño de ferro, o lenguaraz Fraga Iribarne? Por suposto que non. O presidente da Xunta botou man, outra vez na súa dilatada carreira, da súa piadosa mentalidade: "Esto es lo que hay y con la ayuda de Dios todo se solucionará". Non importaban as opinións dos expertos, dos científicos, dos investigadores. Botar man dos profesionais era, que dúbida cabe, unha perda de tempo se contabamaos coa interlocución divina que, como é ben sabido, resulta infalíbel. Fraga, como Xesucristo, como o seu antigo xefe o xeneral Franco, estaba unxido pola providencia.

3 de decembro.
Tras a loita titánica e heroica dos mariñeiros de Arousa que impediu a entrada do veleno na Ría, o ministro de Medio Ambiente, Jaume Matas, advertiu: "Yo no veo crispación social por el Prestige". Jaume, o amigo de Urdangarín, foi logo votado polo seu bo facer durante a crise e ascendido a presidente do Gobern balear. Hoxe, como din na taberna, pintan bastos.

12 de decembro.
Sen dúbida, a sentencia máis cachonda, máis incríbel e máis asombrosa: "En la catástrofe del Prestige sólo hay un culpable: el barco". Así se expresaba a actual alcaldesa de Madrid, a intelixente e preparada Ana Botella. Mais, debo rectificar: a frase é cachonda, si, pero para nada é incríbel ou asombrosa. Velaí o acontecido no Madrid Arena e as tortuosas roldas de prensa que tivo que soportar a pobriña Ana. Que mal o pasou! Como se trabucaba! Que vergoña allea!

14 de decembro.
Lembrades a aquela fenómena chamada Pilar del Castillo? Daquela ocupaba a carteira de Educación e aquel día declarou: "En lo esencial, las cosas no se han hecho mal". Estamos de acordo: en lo esencial non, fíxose todo, todo mal, rematadamente mal, ennegrecidamente mal... Pero a un señor de Navalcarnero que só atendera os noticieiros de Telemadrid ou a un de Soria que escoitara a TVE, para que incomodalo? A merda non chegaba ata aló: estaba en Muxía, en Laxe, en Ribeira..., manchaba O Rostro, Soestro...

15 de decembro.
Malpensados. "La capacidad de respuesta ha sido óptima" dicía aquel día Francisco Álvarez Cascos, entón ministro de Fomento. E boa proba diso foi que alcanzou a presidencia do goberno de Asturias (o Principado lle chaman). Sempre sagaz, aquel home esbelto semella hoxe un oso cavernario do Pleistoceno antigo. En realidade, Paco nunca abandonara aquela crúa etapa da historia da humanidade.

15 de xaneiro de 2003.
O alcalde de A Coruña din que era socialista. Mais non dubidou en aliarse coa improvisación e a ineptitude dos dirixentes populares. Francisco Vázquez, o prócer xenuino do equilibrio, advertiu a propios e estraños: "Nunca Máis está dirigida por radicales e independentistas". Dixoo en castelán, por favor... O Bibliotecario Irreverente non lembra se foi amonestado polos seus compañeiros de partido. Era o que tiña o futuro embaixador no Vaticano, era moi seu, moi de andar por libre, ao seu rollo. 

17 de febreiro.
Pechemos xa o turno de intervencións e repitamos co indomábel, co auténtico, co irrepetíbel Fraga Iribarne. Ante o fartazgo da cidadanía, o presidente da Xunta tomou partido e declarou: "Todos apoyamos a Nunca Máis, lo que no aprobamos es a algunos pájaros que hay en Nunca Máis". Ese era o talante democrático do exministro franquista ante a protesta lexítima e de esperanza que representou un colectivo tan dispar, digno e heteroxéneo como Nunca Máis. 

Hai mil exemplos mil para comentar, mais abonda. Mellor é rematar cun resumo. E quen mellor que Suso de Toro. El comentou:

"Un ano soportando mentiras extenúa. 
Pequenas mentiras, grandes, monstruosas.
Mentiras municipais, autonómicas, estatais.
Mentiras sobre o Prestige, a marea negra...
Sobre os voluntarios, sobre Nunca Máis.
Sobre a costa caeron toneladas
e toneladas de mentiras.
Proferidas, emitidas: titulares, retrasmisións.
Tanto engano nun ano que
costa crer que non estamos tolos.
Que o que sabemos sabémolo.
Que a propaganda non é verdade.

TANTO ENGANO NUN ANO...
Este pobre e irreverente bibliotecario que vos fala acudiu a limpar praias, Hoxe está arrepentido pois, en realidade, quen tiña que limpalas eran os votantes do PP e aqueles mariñeiros (houbo moitos) que dicían: "Nunca Máis?..., outro máis!", que carallo, que seguimos cobrando das confrandías que reciben cartos pola cara da Xunta para acalar ao persoal. O comentario non gostará, mais é a realidade. E houbo moitos partidos políticos que ante o desvarío dos veciños e a súa desvergoña votando aos criminais, optaron por calar. Imos polos votos, malia que sexa unha desfeita. E resultou que en Ribeira e en Muxía, os culpábeis, o PP, acadaron maiorías absolutas no seus concellos poucos meses despois. Non existiron autocríticas. Aí estamos, camaradas... O mar de Galiza chora polos seus fillos sen conciencia...


 


No hay comentarios:

Publicar un comentario