Benvid@s

Benvid@s a Kansendono, o blog do bibliotecario irreverente
Pouco recomendado para curas, banqueiros e demais especuladores

viernes, 12 de abril de 2013

Defensa da democracia (contra perigosos antisistema)

O violento comando estaba composto por un nene de 13 anos e outra rapaza de 16. En realidade non se coñecían entre si, mais a determinante acción dos mossos evitou, sen dúbida, unha catástrofe. A profesionalidade, cautela e bo facer dos tres uniformados (por certo, dous deles militantes de CC.OO.) impediu que os delicuentes levarán a cabo a súa misión con éxito. Cal era o propósito daqueles adolescentes? Que obxectivo tiñan en mente os dous perigosos activistas de 13 e 16 anos? Ben, en realidade iso é o de menos. O importante é resaltar que, por fortuna, puideron ser detectados a tempo e, deseguido, neutralizados. Aqueles funcionarios (pagados, non esquezamos, con cartos públicos) son dignos de eloxio: pola súa valentía, arriscando a súa integridade física, e pola súa determinación. Ante o risco observado e que podería conducir a unha subversión da orde pública, os tres novos heroes lanzáronse á carreira, alcanzando en poucos segundos os dous desalmados cuxos plans só Deus sabe que estarían argallando. Ao pouco, todo rematara e os tres insignes viriatos retomaban posicións para unha nova acometida. Non hai trampa nin cartón: velaí o video. Rascade ben os ollos e cando finalicen os minutos do visionado, volvede a botar outra ollada. Ocorreu en Tarragona, nas primeiras horas da convocatoria da última folga xeral.




O salientábel, con todo, vén a continuación: unha acérrima defensa das actuacións dos mossos por parte, en primeiro lugar, da Conselleria de Interior da Generalitat e, asimesmo, por parte do sindicato de clase CC.OO. Unha e outro falaron de "actuación profesional e proporcionada" e de "correcta prática dos protocolos de intervención". Semella unha broma, especialmente se atendemos ao expresado polos superiores dos axentes que en todo momento aludiron a un "rebote da defensa (da porra) nunha mochila, impactando (a porra, non a mochila) no corpo (na cabeza) do cidadán (presunto)". O resultado: a cabeza aberta botando regueiros de sangue. E por se non tivera bastamte, chega o terceiro axente...
A rapaza de 16 anos tamén levou o seu: os berridos proferidos ("que facedes, é un neno?, estades tolos"?) merecían unha resposta contundente. Un "leve" empurrón e un, dous e tres porrazos...
Conversa interceptada aos defensores da democracia (traducida do orixinal, en catalán):
-Daslle ti? Pois eu non vou ser menos...
-Pois vale, pois m'alegro.
-Pois iso...
Se o pensades ben, a cousa está meridianamente clara: a consigna é dar un aviso a navegantes, asustar ao persoal, que ninguén se mova. Nin ver, nin escoitar, nin falar.
O problema radica en que hoxe en día calquera leva un aparello para chamar e falar a distancia que, ademais, permite gravar imaxes e sons. Imposíbel a manipulación, imposíbel a censura. Malia todo, os axentes síntense ben protexidos (herdanzas da ditadura), tamén os mossos. Protexidos polos seus superiores e até polo seu sindicato "de clase". O tempo pasará, os uniformados volverán a súa rutina, non haberá sancións nin investigacións e, podo asegurar, agora si, xa naceron dous xenuinos e convencidos integrantes do antisistema que, polo momento, son aínda uns rapaces de 13 e 16 anos. 






No hay comentarios:

Publicar un comentario