Benvid@s

Benvid@s a Kansendono, o blog do bibliotecario irreverente
Pouco recomendado para curas, banqueiros e demais especuladores

jueves, 16 de mayo de 2013

"Si no eres del PP, ¡jódete, jódete!"

Non teño o pracer de coñecer a Diego Martínez Santos, o rapaz de Foz nomeado pola prestixiosa Sociedade Europea de Física (EPS, nas súas siglas en inglés) mellor físico novo de Europa e, ao mesmo tempo, rexeitado polo grupo de xenios que lle denegou unha beca para o programa Ramón y Cajal. Mala sorte para os expertos que fora a coincidir no mesmo día o recoñecemento europeo (que se outorga cada dous anos) coa denegación para traballar en España. Porque Diego, ademais de doutor en física e posuir un brillante currículo académico e científico, traballa nunha das mellores institucións europeas da súa área, o Instituto de Física de Partículas de Holanda, coñecido como Nikhef, o que non impediu que o grupo de sabios cualificara ao focense de "non dar a talla", "non dar o nivel". Pobre Diego.
Deberiamos coñecer os nomes daqueles que integraron o comité de fenómenos que lle denegaron o regreso a Diego. Deberiamos preguntarlles en que se basearon para chegar a tal determinación. Deberiamos saber as razóns polas que o esforzo de Diego non acada recompensa. E, tamén, deberiamos enterarnos por que se menosprecia tanto talento e se dilapida tanta inversión na formación. Máis que nada para que se lle caera a cara de vergoña aos integrantes da comisión evaluadora.
Mais, este humilde Bibliotecario Irreverente opina que o problema debe ser prantexado noutra óptica e dende outras perspectivas. É certo que o programa Ramón y Cajal naceu no 2001 co obxectivo de fortalecer e potenciar o traballo investigador en I+D+i así como para facilitar o regreso dos investigadores dispersos polo mundo e poñer en marcha novos proxectos e liñas de investigación. Pero so no papel: en realidade, seguimos representando un país tercermundista onde triunfa a pillería, a picaresca, onde non importan os méritos sementados co esforzo, o estudo e a adicación, no que a carencia de escrúpulos e a mentira son os signos diferenciadores para conquistar o éxito, onde a incultura pasea alegremente co aplauso xeralizado.
O problema de Diego é que non pertence ao grupo de ex-torerillos conductores borrachos, non é unha tonadillera espabilá consorte de Cachuli, non acude aos platós de televisión a contar a berros as súas miserias, non defrauda ao fisco e se presenta nos xulgados mexándose de risa, non é deputado nin alcalde nin presidente dunha deputación, non lle da patadas a un balón, non milita en NNGG do PP, non participa nos debates de Gran Hermano 14, non acude aos sesudos debates de 13TV ou Intereconomía, non pertence ao consello de dirección de Bankia, non publicou ningún traballo académico en FAES, non trafica co nacemento-bautizo-primeira comuñon-noviete-voda-separación do seu fillo/a, non entroncou coa familia real nin por nacemento nin por matrimonio nin por cacería...
Caro Diego, non volvas, non regreses nin de vacacións. Este país non ten arranxo por ningures.
Pobre Diego. Ou como cantou o cacique bo, trombón ao vento, naquela deliciosa melodía: "Si no eres del PP... ".

1 comentario:

  1. Pobre Diego.
    Se tivera un iate para pasear altos cargos ou lle gustara moito a neve toda, mellor lle iría na vida.
    O mestre trombonista tiña moita razón.

    ResponderEliminar