Benvid@s

Benvid@s a Kansendono, o blog do bibliotecario irreverente
Pouco recomendado para curas, banqueiros e demais especuladores

martes, 21 de mayo de 2013

O libro negro


Acudiu suorento ao salón onde se atopaba a súa valiosa biblioteca. Os andeis sobordaban libros sen orde que, almacenados uns contra outros, apenas podían respirar. Mesturados en diferentes posturas, uns repousaban tombados mentres outros permanecían ergueitos. Os máis altos sobresaían sobre os diminutos, formando un horizonte multicolor cos seus lombos. Eran varios miles os volumes alí concentrados que un día causaron pracer, risa, pranto, curiosidade… Mais, o exemplar buscado non aparecía, oculto naquela morea de millóns de páxinas, de infinidade de autores, de títulos coñecidos, de linguas diversas.
O corazón estaba a piques de fuxir do seu peito mentres a súa respiración soaba coma se fose o seu último bufido, pois a fatiga na pescuda asomaba decididamente. Onde estaba aquel maldito libro? En que lugar se agochaba, agora cando máis o necesitaba? Canto tempo pasaría até dar co seu paradoiro? Por que nunca decidiu pór orde no medio daquel caos?
Como un lóstrego, a súa luz alagou todo o salón: alí estaba, mirándoo, agardando polo seu propietario. Aquel libro de tapas negras cuxo título esvaecera polo paso do tempo, sería a solución, o punto final ao pesadelo que lle roldaba desde facía meses.
Ao abrilo, as páxinas recortadas en forma de revólver aloxaban unha fermosa, relucente e prateada Smith & Wesson cargada con seis balas. Recolleu a arma coa súa man dereita e disparouse na boca. Na súa outra man, apertada, permaneceu engurrada a notificación que anunciaba o seu desafiuzamento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario